Opinión

Lin cousas que...

Lin cousas no planeta onde as ovellas mean, bean, berran de noite baixo o resplandor das luces de Vigo. Lin que unha asociación de gardas civís fala de derramar sangue polo da amnistía. Agora mesmo semella que dous ou tres deles acaban de suspendelos de emprego e soldo. É igual, seguro que algún refacho de vento procedente das altas montañas de Orión empurrará a algúns máis a actuar. Dáme que o asunto pode acabar mal, pode acabar nunha nova confrontación entre seres da mesma galaxia. Porque nin as ovellas nin os planetarios son quen de admitir que pode haber máis dunha cor, máis dunha idea política. Para eles todo será branco e a razón é única e fixa.

Lin hai tempo que expulsaron das súas localidades a 200 habitantes durante 78 anos para que Franco, un ditador dun país do planeta Terra, puidera cazar ás súas anchas, a pracer. Aconteceu en localidades da serra de Segura, en Xaén, desde 1951 ata 1979. Xa puido cazar gansos e cabras, lobos a esgalla e ovellas que, aí, beaban, de día, baixo a influencia dos estoupidos dos tiros e, de noite, percorrendo as cunetas da memoria histórica.

Lin cousas nas que o fascismo asoma, despunta en calquera planeta do universo. Chega con que haxa un par de humanos para que a verdade sexa dun só. O que teña a forza fará da democracia un pandeiro e da liberdade unha quimera. Agora cada quen que viaxe ó planeta que máis lle conveña. Vaiamos ó que vaiamos, todos seremos ovellas. Bailaremos baixo o ritmo dunha idea política apodrentada, podrecida. Ou polo menos que cheira a podre.

Te puede interesar