Opinión

A loita de clases

Quizais o cine brasileiro é un dos máis descoñecidos para o gran público, e iso que algo se nota á hora de contabilizar os filmes deste país que chegaron ós nosos cines nos últimos anos. A pesar diso si que podemos mencionar algunha película á que case todos lle recoñeceremos unha gran calidade na súa narración e filmación; estes son os casos de filmes como “Cidade de Deus” ou “Tropa de elite”. 


Algo se move en Brasil. A chegada de “Unha segunda nai”, da directora Anna Muylaert, representa, non só a realización dun gran filme, senón a constatación do cambio xeracional e de ideais que se empezaron a fraguar tras a chegada ó poder de Lula da Silva. A intelixente película, escrita tamén por Muylaert, representa e confronta dúas maneiras de entender a vida: a da nai, muller submisa e respectuosa que acepta o seu devir e a súa diferenza social cos máis ricos; e a da filla, unha moza descarada e segura de si mesma que non se cre inferior a ninguén. 


“Unha segunda nai” amosa unha crítica a esa dura forma de escravitude de quen ten que abandonar ós seus propios fillos para ganarse o pan e unha educación para eles. Filme incómodo no que se envolven e transgriden de maneira continuada as liñas de permisividade entre esas dúas clases sociais tan marcadas. 


Comedia fresca, aparentemente lixeira, que describe á perfección os sentimentos dos personaxes e a súa busca persoal da felicidade segundo o que debería ser a relación servente/amo. Película exemplar, brillante e marabillosa fábula sobre a inxustiza. Amosa cunha intelixencia poucas veces vista a loita de clases, que sempre existiron, existen e existirán. Non todos nacemos iguais.


A directora Muylaert mantén un acertado ton entre o cómico e o dramático para que non se lle escape das mans unha trama que, ó mellor con outro realizador ou realizadora, podería dar lugar a un melodrama social, pero con ela quédase nunha brillante radiografía da sociedade do seu país. Película tenra, esperanzadora, social, profunda e, iso si, cun excelente traballo interpretativo de Regina Casé.

Te puede interesar