Opinión

Máis reportaxe que documental

Será difícil que un documental como “De viaxe co Che Guevara” (2003) logre superar un escollo, o que constitúe tanto o oficio previo do seu director, o italiano Gianni Minà, como o que o etiqueta rapidamente como unha especie making off dunha película anterior, “Diarios de motocicleta”, de Walter Salles. Con respecto ó primeiro, hai que convir que o feito de que Minà, veterano correspondente da RAI en América Latina, se comporte sempre como un periodista fai que a película adquira máis os trazos dunha reportaxe televisiva que dun auténtico documental creativo. E con respecto ó segundo, hai que lembrar que a propia xénese do filme ten moito que ver coa súa forma fina e con esa especie de viaxe paralela á da propia rodaxe de Salles.

Na orixe dos dous filmes, o que nos ocupa e o de ficción, está Minà, porque non en vano é o dono dos dereitos do libro de Ernesto Guevara “Diario de viaxe”, e porque é el quen llos vendeu ó produtor do filme de Salles, Robert Redford, a cambio de reservarse unha posición de privilexio tras as cámara do brasileiro. E tamén, porque o seu amigo Alberto Granado, o que fixera aquela viaxe de 1952 que recrean ambos filmes, lle concedera xenerosamente o seu tempo ata facerse algo así como o guía de “De viaxe co Che Guevara”, ademais de actuar como asesor de “Diarios de motocicleta”.

Con Granado, un velliño divertido, ocorrente e vital situado moito tempo ante a súa cámara, e o permiso de Salles e Redford para usar canta imaxe quixera, Minà compón un filme cuxo principal mérito é que serve para facer visible a lección máis evidente do filme de Salles: constatar que 50 anos despois da viaxe orixinal moi poucas cousas cambiaron nas mesmas paraxes que atravesaron Granado e Guevara, ó tempo que un puñado de entrevistas de persoas que coñeceron ós viaxeiros en 1952 aportan valiosos apuntes para mellor entender o carácter de Guevara, as ensinanzas da viaxe, a fonda humanidade de Granado. Unha cousiña: se non se viu o filme de Salles pouco se entenderá deste que Minà tan laboriosamente nos propón.

Te puede interesar