Opinión

Máis teatro que cine

Durante medio século, o rostro de Milo O'Shea foi popular para o público, tanto na televisión coma no cine, grazas sobre todo ás súas enerxéticas cellas. E, como non, grazas ás súas boas actuacións de personaxes coma o científico louco Durand Durand de “Barbarella”, que protagonizou ó lado de Jane Fonda; o Leopoldo Bloom de “Ulises” ou o xuíz de “Veredicto final”.

Milo O'Shea nacera en Dublín o 2 de xuño de 1926 e recibira unha educación católica na escola dos Irmáns Cristiáns, onde iniciou unha amizade que se estendería ó longo dos anos co tamén futuro actor Donal Donnelly, o de “Dublineses”. O seu pai era cantante e a súa nai profesora de ballet (o mesmo O´Shea era un moi bo pianista), así que era lóxico que debutara no teatro con tan só 12 anos, antes de que marchara a estudar música e drama a Londres, onde tamén traballou no teatro, coma por exemplo nunha produción do gran John Gielgud.

A década dos 50 é a do seu regreso a Dublín para enlazar éxito tras éxito teatral (chegou a facer xiras por Estados Unidos), xunto con aparicións en series de televisión. No primeiro lustro dos 60 volveu a Londres, e a partir de 1965 estoura o seu éxito: en televisión protagoniza con gran éxito a serie cómica “Me Mammy”; traballa en Broadway, logrando unha candidatura ós Tony polo seu traballo como un dos homosexuais protagonistas de “A escaleira”, xunto a outro grande: Eli Wallach. Ó mesmo tempo fai cine, coa citada “Ulises”, o “Romeo e Xulieta”, de Zefirelli, e a tamén citada “Barbarella”. 

Nos anos 70 seguiu sen saber o que era o paro, grazas a moita televisión e moito teatro. No 1982 volveu acadar outra candidatura ós Tony. Aínda que fixo moito menos cine que teatro, e ademais das películas citadas, aí van “A rosa púrpura do Cairo”, “Matar ou non matar: este é o problema”, “Contracorrente” ou “Ódiote, meu amor”. Durante os últimos anos da súa carreira, Milo O'Shea prodigouse coma secundario de series televisivas de éxito como “As rapazas de ouro”, “Cheers”, “Frasier” ou “A ala oeste da Casa Branca”, onde realizou a súa derradeira aparición na pantalla como xuíz. Pois o martes, 2 de abril de 2013, morreu en Nova York á idade de 86 anos.

Te puede interesar