Opinión

Malditos cogomelos

Fun ós cogomelos. Medio chovendo. Collín pouca cousa. Iso si, dos xeonllos para abaixo, todo mollado. Así é que logo cansei. Axiña me aburro. Pásame coma cando, de rapaz, fun unha vez á pesca (entendendo por pesca cunha simple vara de amieiro, torcida, facendo de caña) que, ó picar os peixes, unha marabilla!, pero ó non facelo, que aburrimento! Nos cogomelos axiña pensei tamén no tempo que estaba perdendo de lectura por culpa duns boletos que ó mellor non valen para nada. Xa que a miña dona é algo especial para eles... que se teñen algún bichiño de nada, que se están enchoupados, que se parecen tal, que se semellan cal, etcétera. Mentres andaba a eles tamén pensaba nos pobos oprimidos. Sempre defenderei ós oprimidos, ós asoballados! Andei polas poulas cheas de carballos, e de toxos, e de xestas, e de matogueiras. Agora mesmo, nos baixos do pantalón, noto como ás veces os toxos que quedaron enganchados me rabuñan a pel das pernas. Estoume cansando de ir ós cogomelos! E menos mal que hoxe botei pouco tempo. Porque sufría a causa dun libro que tiña no asento do copiloto do coche. Eu sabía que estaba a esperar por min! Botábao de menos! E iso que estou a ler máis ca nunca; practicamente máis de seis horas diarias. Pero pásoo tan ben! Malditos cogomelos! Marchei correndiño para o coche e alí estaba: o meu soño, o meu consolo, o meu desexo.

Te puede interesar