Opinión

Manca e doe

Opinión

Manca e doe

Dicía o pasado venres, no primeiro relato deste Festival de Cine de Ourense, que tiña boas referencias da película “Cartas molladas” e que era desas que mancaban e que doían, que intentásedes non perdela. Vaia se manca e doe!

Miles de persoas cruzaron o Mediterráneo nos últimos anos tratando de alcanzar Europa; e o filme conta, a través dunha voz misteriosa desde o fondo do mar, a epopea máis tráxica da nosa historia contemporánea, ou o peor xenocidio inimaxinable que acaece nesas augas e con permiso de moitos países, que prefiren pechar os ollos ante tal situación. Seguindo cartas escritas de nais a fillos, esa voz acompaña ó barco da ONG Open Arms, loitando para salvar a 550 persoas do naufraxio. E esquecéndonos de que se trata dunha historia real, a situación empeora cando a película nos leva a bordo dun barco de gardacostas libio e nos traslada ó lugar máis perigoso do mundo en Libia, onde se maltrata e escraviza a seres humanos

A directora Paula Palacios amosa unha película crúa que exerce de testemuña de todo o que ocorre na viaxe migratoria: a loita entre os gardacostas libios e as embarcacións de rescata dalgunhas ONG europeas, as mortes, as torturas, as violacións, etc. Tamén o vergoñento trato que Europa lle dá a aqueles que finalmente acadan o milagre. Foron catro anos de rodaxe trasladados a este documental tan verdadeiro como duro. Un traballo que pasa do terror en alta mar á vergonza do desaloxo dun campamento de inmigrantes en París e en pleno inverno. Porque Paula Palacios soubo prolongar o pesadelo do mar ata a chegada en terra.

O documental está producido pola cineasta Isabel Coixet, do que ela mesma opina que é “unha película dolorosamente necesaria, que transcende, cunha factura impecable e unha montaxe precisa”. Confesa tamén que é “unha labazada, un berro, unha carraxe, unha sacudida de empatía que non pode deixar a ninguén indiferente”. Eu aseguro que non deixa indiferente. Que manca e doe.