Opinión

Marañada de frases

Este luns, e así coma quen non quere a cousa, este Recuncho estará composto dunha auténtica marañada de frases: Moita mofa nas redes sociais pola compra do Banco Popular por tan só un euro; pero, mirade, eu, por esa cantidade (que é unha cantidade que, grazas a Deus, teño) non o compraba nin o comprei. Empeza o verán e empezan a abrirse as piscinas; pero baixo a problemática da auga. Ó mellor algunhas non o van ter nada fácil.

E seica o verán enteiro, climatoloxicamente falando, non pinta nada ben. O Consello Regulador do Ribeiro calcula que as xeadas afectaron a un 55% das viñas. Poida que digan a verdade, pero eu tampouco conto ningunha mentira ó dicir que a algúns ou a bastantes viticultores si lles afectou ó 100%, a miña muller entre estes. Mais non podo seguir falando deste tema porque teño uns xefes que me rifan; como o digo! Para min os culpables dos anglicismos que nos están invadindo (selfie, bullying, Ourense Rock Sound, Ourense ICC Week, shopping night e un longo etcétera) son os medios de comunicación.

A xente sabe das cousas porque as le ou as oe; se leran ou oíran autorretrato, acoso, etc. o lector ou oínte diría estas palabras. Será que as inglesas son máis internacionais, máis chics. Será. Tamén o fútbol ten cabida nesta amasadura de frases escritas a causa de Piqué; e aquí tamén lle dou a razón a el cando critica ós periodistas por facerlle preguntas que non veñen a conto, futbolisticamente falando Claro, será porque ñás veces seica bota a lingua a pacer. E no noso país as verdades sempre doeron de carallo. Que llo pregunten a Clemente, que tamén disque esbardallaba, baduaba moito... e non conviña. Aquí o que non gusta, censúrase e xa está. Remato sen tocar para nada os atentados en Inglaterra; porque me cabrearía moito, pero moito.

Te puede interesar