Opinión

Margarita cansino

Nunca houbo unha muller como Gilda, dicían enormes letras sobre unha imaxe perfecta de Rita Hayworth meneándose con traxe sen ombreiras e tan cinguido que marcaba o oco do seu embigo.

Mentres sobre Hiroshima caía a bomba desde un avión que levaba a foto de Gilda, empezaba tamén a caída de Rita Hayworth, porque nunca houbo unha muller como Gilda, e unha vez que o público soubo que non era así, todas as aparicións posteriores non semellaron máis que pálidas versións dun orixinal irrepetible. A Rita non lle perdoaron que conseguise ser tan marabillosa; as deusas non poden ser mortais e seguir vivindo.

Margarita Carmen Cansino era filla e neta duns bailaríns sevillanos, que naceu en Brooklyn o 18 de outubro de 1918, incorporándose ó espectáculo en canto aprendeu a andar, ou sexa, a bailar con certo orde. Ós 14 anos xa era parella artística do seu pai e bailaba xotas aragonesas e fandangos de Huelva polos hoteis de Tijuana.

Alí, nun hotel, viuna o vicepresidente da Fox, que convenceu á familia para que deixasen á nena que asinase un contrato para o cine. Rita Cansino foi en 1934 a rapaza que anunciaba as películas españolas da Fox e o seu físico latino de moza guapa, morena e algo repoluda que apareceu fugazmente en “A nave de Satán” (1935), “Amor de gaucho” (1935), “Charlie Chan en Exipto” (1935), “Unha mensaxe a García” (1936) e “Contrabando humano” (1936).

Un vendedor de coches de 43 anos casa, en 1937, con Rita e opta por facer dela unha estrela. Ve que o seu encadramento exótico non a fará chegar moi lonxe e transfórmaa, dieta de adelgazamento, tintura rubia para a súa cabeza escura, depilación eléctrica que levante a súa fronte e cambio de vestiario e apelido: substitúe o español Cansino por Hayworth.

O home acada de Harry Cohn, o xefe da Columbia, un contrato para a súa muller, e de Howard Hawks que a incorpore á película “Só os anxos ten ás” (1939), con Cary Grant e Jean Arthur. Para Rita, esta película é a revelación, polo que a todopoderosa Metro a pide prestada para “Susana e Deus” (1940), de George Cukor, con Joan Crawford. A partir de aí, a súa carreira empeza a marchar con bo pé. Da súa auténtica carreira falarei para a semana que vén.

Te puede interesar