Opinión

Mazinger Z

Levo horas mirando cara ó ceo a ver se vexo outra. Outra bóla de fogo. O outro día unha seica cruzou o sur de España a unha velocidade de 96.000 quilómetros por hora. Iso é moita velocidade. Engrúñome eu cando vexo que alguén se pon cun coche a 140, por exemplo; non quero pensar que faría ou que me pasaría a 96.000. Aínda que case estou por apostar que esa noticia é unha esaxeración, que ese xornal non se decatou de que seguramente estivesen rodando algún capítulo de Mazinger Z. Seguro que era unha escena na que ese machote lanzaba o seu fogo de peito. Que tipo Mazinger Z!

Imaxino que as xeracións de agora non saben dese heroe, pero na miña época a serie do manga ou anime ese rebentaba as audiencias. Dixen na miña época porque non podía dicir de rapaz, xa que cando se proxectou en España, en 1978, este servidor xa tiña 19 anos e, non obstante, era dos que primeiro collía un bo sitio no bar para asistir á éxtase, a aquela éxtase de “fogo de peito” ou “puños fóra”. Naquela media hora ou unha hora (xa non lembro) que duraba o capítulo, todo o bar, incluída xente de moito máis alá dos 19 anos, coma santiños vendo as aventuras do robot xaponés que nos revolucionou as tardes, principalmente, do verán. Do verán porque, grazas á canícula, non podías saír a cavar, ou a arar, ou a segar a herba moi cedo, polo que tiñamos tempo de contemplar ó noso heroe. Canto máis o penso, máis seguro estou de que esa bóla de fogo pertencía a Mazinger Z eliminando ó seu antagonista.

Te puede interesar