Opinión

Un dos mellores Best-Séller

Quixen escenificar as Sagradas Escrituras pero xa non lembro ben a Biblia. E iso que a lin varias veces. Enteira. Aínda que vos pareza mentira. Pilloume naquela época de nugalla para os estudos no colexio dos Milagres e descubrimento da lectura, desde as novelas do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía ata os cómics de Jabato e Capitán Trueno, pasando, por suposto, por todo o que caese nas miñas mans. Como a Biblia.

Esta era gorda coma un sumo, deixábana ter sobre o pupitre e simulaba que era para saber algo de relixión, de cristianismo. A realidade, para un servidor, era un auténtico best-séller de aventuras e historia. Aquelas tribos de Israel, aqueles heroes místicos e míticos, aquel David escarallando ó inmenso Goliath, aquelas xenreiras, aquelas guerras, aqueles sacrificios, aquelas mortes; sen piedade, a millares. Tamén os milagres que ninguén cría, pero dicían bonitos.

Con disimulo, aínda que estivese facendo operacións matemáticas, soerguía un pouco o lateral da biblia e, nun amén, lía algún capítulo máis, algunha páxina máis. E que lle pasará agora a Moisés? Conseguirá liberar ó seu pobo? E como é posible que Xesús camiñe sobre as augas? Pero, mira, ó mellor é verdade; así o din as Escrituras.

Por veces, mesmo metía a Biblia, aberta, por debaixo das pernas e, en vez de mirar para o encerado e atender ó profesor ou ó cura, eu buscaba as aventuras dos protagonistas dun dos mellores best-séllers que se escribiron nunca.

Te puede interesar