Opinión

Mestre sen oscar

Poucos directores foron para o público tan célebres e recoñecibles como as súas propias estrelas. Alfred Hitchcock foino porque fixo do suspense un modo de intrigar, de estremecer, de divertir ó espectador, utilizando moi elaborados mecanismos de reloxaría que non daban tregua ó aburrimento.

Alfred Hitchcock naceu o 13 de agosto de 1899, en Londres, e morreu o 29 de abril de 1980, en Estados Unidos, país no que se instalou en 1940. A súa longa carreira como director abarca 50 anos e 53 longametraxes, ademais de filmes de menor duración e traballos televisivos. Pero, e aínda que pareza mentira, nunca lle deron un oscar.

Os seus nove primeiros títulos son mudos, e con eles acadou estar entre os directores máis prestixiosos do cine inglés. A película máis famosa desa etapa e a que máis se achega tematicamente ó seu cine posterior é “O inimigo das rubias” (1926). Porén, o seu filme mudo que resistiu con máis vigor o paso do tempo é “A muller do granxeiro” (1928), unha admirable comedia xeralmente esquecida e allea ás formulacións do suspense.

En 1929, Hitchcock dirixiu “Blackmail”, o primeiro filme sonoro que se fixo en Inglaterra, e ó longo da década dos trinta realizou 30 películas máis, con mestura de xéneros, desde a comedia ó melodrama e pasando polas adaptacións de obras teatrais de prestixio, antes de especializarse, a partir de 1934, de forma definitiva no cine de suspense.

As dúas películas máis importantes da súa etapa británica son “39 chanzos” (1935) e, sobre todo, “Alarma no expreso” (1938), na que con humor, imaxinación e mestría narrativa exhibía xa plenamente as súas dotes de ilusionista cinematográfico.

Viaxou a Hollywood para traballar con David O. Selznick en “Rebeca” (1940) e acabou instalándose nos Estados Unidos, onde realizou un total de 30 longametraxes, ademais das súas creacións televisivas. Nos anos corenta dirixiu principalmente intrigas de espionaxe e persecución, como “Enviado especial” (1940), e dramas de misterio, entre os que cito, a maiores de “Rebeca”, títulos como “Sospeita” (1941), “A sombra dunha dúbida” (1943) e “Encadeados” (1946), a súa gran obra mestra desa década, na que se xuntan a perfecta elaboración do guión e a posta en escena, e unha complexidade estilística sorprendente.

Te puede interesar