Opinión

Mestura de condutas

De María Onetto e Carlos Belloso son os protagonistas de “A vida despois”, segunda incursión no cine de ficción dos arxentinos Franco Verdoia e Pablo Bardauil tras o seu debut en 2006 cun filme coral titulado “Chile 672”. 

Esa parella de actores representan a un matrimonio que se disolve dunha forma madura e harmoniosa tras vinte e pico anos de relación. Non obstante, a separación descobre novos e descoñecidos aspectos de cada un. 

O filme está dividido en dúas metades. Na primeira vemos o punto de vista do home que, a partir duns ruxerruxes que lle chegan, empeza en certo modo a obsesionarse coa súa ex, a seguila e a partir de certo momento a darlle renda solta á súa imaxinación. Nese obsesionarse vese que as fronteiras entre a realidade e a fantasía vólvense moi tenues e é así que pola vía dos soños, os recordos e dunha novela que el está escribindo, a película por momentos sae do mundo “real” para meterse abertamente no territorio do imaxinario. A segunda metade cóntase desde o punto de vista dela. E aí tense a posibilidade de contrastar cánto había de certo e de fantasioso nas cavilacións del, pero ó mesmo tempo verase que ela mesma, a partir de certos sucesos que se van dando, empezará a elaborar as súas propias fantasías e especulacións. Filmación case teatral, desenvolvida case unicamente en interiores, e na que se aprecia unha auténtica mestura de condutas, contraditorias moitas veces pero basicamente humanas e emocionais. O guión está feito con moito coidado e, aínda que algunhas cousas se decidira deixalas no aire, nada é casual nel. 

“A vida despois” logra inserirse de maneira nova e elegante nesa tradición que fala acerca de que é o que pasa cando o amor se acaba aínda que non queiramos, e dos derradeiros xestos patéticos e fantasmais destinados cara a algo que non retornará xamais. O mellor de todo este drama son as sobrias e moi sólidas interpretacións. O filme, tras unha moi boa presentación e arranque, non acaba sendo convincente na súa etapa final, aínda que, en conxunto, non decepciona.

Te puede interesar