Opinión

Metáforas literarias

De Ma Segue a calidade nesta 20 edición do Festival de Cine de Ourense. Agora tócalle a quenda a “A noiva”, unha adaptación moi libre de “Vodas de sangue”, de Federico García Lorca, dirixida or Paula Ortiz e protagonizada por Inma Cuesta, Álex García, Asier Etxeandia, Leticia Dolera e Luisa Gavasa. 

“A noiva” é unha película con tanta beleza que deixa a un medio pampo, ou mellor dito, coa boca aberta. Rodouse entre os Monegros aragoneses e a Capadocia turca, en pouco tempo e con poucos medios (o gran hándicap de todas as películas novatas e españolas), pero o seu valor cinematográfico é incontestable. Os versos que adoitan saír polos fermosos beizos de Inma Cuesta están vivos e afogan ó espectador nun pesar que dura toda a metraxe.Historia de paixón e violencia que retrata a unhas xentes que xa non existen e un ermo lugar onde xa non queda nada; non toca temas tan profundos e universais como as adaptacións de Shakespeare, pero o estilo de Paula Ortiz converte á película nun fermosísimo referente estético. 

A directora demostra moita sensibilidade na adaptación do guión repartindo os versos na metraxe dándolle descansos ó espectador, inflando e desinchando o lirismo da obra para non caer no exceso. Ortiz e o director de fotografía enchen o filme de tons ocres e azuis potenciando as metáforas que xa estaban na obra de Lorca. Metáforas que son historia da nosa literatura e que non é fácil levar ó medio cinematográfico. 

Os actores interpretan con mestría, principalmente Inma Cuesta e Luisa Gavasa, os versos de Lorca. A fusión da paisaxe árida con elementos modernos é ideal para difundir o transfundo universal da obra: a paixón non entende de épocas, períodos ou espazos. E, logo, está a música. A música é a guinda de “A noiva”. Ademais das cancións populares interpretadas polos personaxes femininos da película, a banda sonora está composta polo xaponés Shigeru Umebayashi, compositor das partituras de tres filmes clásicos de Wong Kar-wai, como son “Desexando amar”, “2046” e “My Blueberry Nights”. “A noiva” é unha boa película.

Te puede interesar