Opinión

Mirando para o embigo político

Asemana que acaba de pasar deixounos as augas tan revoltas que nos encheron as praias desas boliñas de plástico, das que, agora e como sempre, ninguén se quere facer responsable, máis alá, por suposto, do barco Toconao (con bandeira de Liberia e armador alemán) que as botou ou “perdeu” fronte ás costas portuguesas. Dise que “perdeu” 26.250 quilos. Ó principio, a Xunta e o Goberno dedicáronse a tirar coiazos unha ó outro, este á aquela, e non quedou outra entón que facer o de sempre: que fose o cidadán de a pé o que actuase, o que operase, o que procedese. Xa teño comentado máis dunha vez que, en todas as accións, calamidades, catástrofes, etc, sempre é o cidadán o que se ten que poñer mans á obra. Nesta catástrofe ata non sei que dá ver á xentiña buscar e peneirar a area para eliminar os millóns de diminutas perlas de plástico.

A Xunta, a nosa Xunta realizou un informe no que dicía que os pélets non eran perigosos, que mesmo eran aptos para uso alimentario. Daquela, non sendo tan perigosos, porque a Xunta, a nosa Xunta pide entón o triplo de medios que no Prestige? E se empezan a pedir ou a actuar, tanto a Xunta coma o Goberno, é grazas ás eleccións galegas, que xa están aí. Agora, polos votos, baixan á area coma inmensos gladiadores para facer que miran ou que buscan esas malditas boliñas. O de sempre: que dos ilillos pasamos ás bolitas.

Cada ano pasan polas costas galegas unha media de 36.500 buques. Ante isto, case é normal que nos atopemos con catástrofes a esgalla. Creo que lin algo de que, cada xeración, ten a súa propia catástrofe nas nosas costas. Aínda sabendo isto, a Xunta e o Goberno seguen e seguirán mirando para o embigo político, ou para un lado e para o outro, ou para o centro. En Madrid non hai praia, que carallo.

Como para o embigo ianqui segue mirando a comunidade internacional con respecto ó conflito israelita. E iso que, si, é verdade, cada vez hai máis países que empezan a situarse, a colocarse a favor de Palestina, o que penso que significa que empezan a darse conta do xenocidio que se está a cometer neses lares. Pero mentres Estados Unidos non se poña serio (e nunca se porá, pola conta que lle ten), a ver quen lle rosma ós ianquis. Témolos coma os gardiáns do universo sen nos decatar que eles hai xa moito tempo que crearon o seu propio universo.

Te puede interesar