Bomba que estoupa. Bala que sae da recámara. Frecha que se crava. Garrote que mata. Morte con ruído. Morte en silencio. Morte. Hai moitas mortes polo mundo adiante; a maioría con ruído, con moito ruído. Pola incompetencia duns e polo poder doutros. Guerras. Parece mentira, pero é tan fácil crear, empezar unha guerra. E cando xa está iniciada, que complicado é parala! Nese tempo afloran os odios, os desquites, as vinganzas. Despois, ó rematar, chega o peor. Porque o vencedor quere tiranizar, quere dominar, quere asoballar. E empeza coas mortes silenciosas. Non lle fan falta frechas, nin garrotes, nin guillotinas; chégalles coa escuridade e o silencio. Fosas comúns en calquera lugar. Corpos lanzados ó mar. Morte sen cuartel. A paz sempre custou sangue, moito sangue. Pero é lei de vida: para que haxa paz ten que haber guerra. As mortes non contan.