Opinión

O mural

Collo rolos de papel e colócoos moi ben colocadiños sobre o chan. Para que? Para facer un mural. Pero non sei qué facer co mural. Penso nun debuxo, nun lema, nunha ecuación e tan só me quere saír o silencio montado sobre un asubío. Algo así coma o barullo mesturado nunha nube gris. Miro para o mural. Miro para os rolos de papel. Estendo, desprego máis papel. Penso que o mural aínda é pequeno. Para que o quero máis grande se non sei que facer con el? E se me deito nel e debuxo o meu perfil? Cal? O do facebook? Veña, oh, non sexas pamplineiro! Pero podo debuxar a miña sombra, a miña sombra que me asombra. Porque me asombra? Porque me recorda a Rosalía. Máis ou menos. Máis ou menos qué, Rosalía ou o mural? Máis ou menos a multiplicación dunha ecuación que me divide o mural logo de restar o silencio e o ruído da miña memoria colectiva. Pero ti que dis?, toleaches ouh? Desfago o mural, recollo o papel e póñolle lume na cheminea. Meus Deus, canto fume!

Te puede interesar