Opinión

Na conciencia dun amigo

Quere abrigar os recordos na conciencia dun amigo, pero estes, saltan da fantasía á realidade e da veracidade ós soños. Sabe que é bo desafogar, pero tamén sabe que as penas saben nadar. É moi complicada a existencia dun verbo que che altera as entrañas. E aínda máis se queres que ese verbo quede encadrado na fina estampa de toda unha vida. Hai soidades que asoman cando os días se poñen grises, e hai tristezas que se deitan nas nubes negras. Non obstante, confía en que as letras dunha canción furguen por entre os carreiros deses pulsos que van e veñen polo desatino dun tempo que se está a vivir. Pensa que sobre unhas palabras escritas se le o sabor dunha felicidade eterna, cando ó mellor, entre parágrafo e parágrafo está acochada a realidade dunha existencia infinita. Non é ouro todo o que se amosa nas páxinas dun conto. Emporiso, confía unha e outra vez no latexo que sae do seu peito. E quere camiñar ás cegas, ás apalpadelas. Nunca foi unha boa solución. Porque hai cegueiras que te poden levar polo camiño equivocado e esnafrarte contra a realidade, contra a certeza dun infortunio, dunha calamidade. Deixa caer un salouco e bótase nos brazos do consello, do xuízo dun amigo. O amigo tamén carrexa a súa pena en silencio.

Te puede interesar