Opinión

Na gloria musical

Empezo a angustiarme. Empezo a deprimirme. Fochico e fochico no ordenador e non atino con nada. En cuestión de informática estou completamente peixe. Logo, para máis aquel, teño tres portátiles (os dos rapaces e o meu) e ningún vale un carallo. Así de claro. Angústiome vivo! Menos mal que, ó acendelos (cando acenden...), poño a miña música e entón si, entón xa poden ir lentas as aplicacións, xa poden fallar que un servidor está case ou sen case como na gloria. Como na gloria musical. Porque no inferno estou cada vez que quero configurar algo. Burro, máis ca burro! Menos mal que para os meus relatiños vanme servindo. Pero, certo, ata que me serven, ata que empezo a escribir a primeira liña, pódese eternizar o tempo. Por iso, o primeiro que fago, antes de escribir, antes de fochicar é entrar no YouTube para flotar na gloria musical. Agora mesmo escoitando a Jim O´Rourke.

Te puede interesar