Opinión

Na semana de paixón

Mortes. Semana de mortes. Será porque estivemos na Semana Santa, na semana de paixón. Empezouse co accidente de autobús en Tarragona, no que faleceron 13 estudantes estranxeiras. É igual, coma se foran españolas. Foron 13 vidas rotas, 13 crucifixións que quedarán para sempre no monte Calvario dos familiares.

O martes. O martes, morte familiar que se sigo comentando debería de dar para infinidade de relatos diarios que non proceden, porque en cada un deles a emoción bañaría os meus ollos, e xa chegou ben ese día e cando os recordos asomen á miña mente que, temo, será bastante a miúdo.

O martes, o mesmo martes dobre atentado islamita no metro e no aeroporto de Bruxelas, no que máis de 30 vidas rotas e centos de feridos quedarán tamén para a dor e os recordos de toda a humanidade. Porque hai accións, hai actuacións que van máis alá do entorno familiar. Para uns é fanatismo, para outros é vinganza e para uns cantos… daqueles pos, estes lodos. Para as familias, unhas crucifixións sen sentido ningún.

E o Xoves Santo outro día máis de paixón para todo un personaxe, no bo sentido da palabra. Morría Johan Cruyff, o home que revolucionou o fútbol. A ver, houbo e hai catro grandes no universo futbolístico: Di Stefano, Pelé, Maradona e Messi. Un perfecto póker de xogadores (pero quedaron aí, como xogadores tan só). Mais o comodín para formar o que queirades é, ten que ser Cruyff, pois, a maiores de ser un excelso xogador, que se pode dicir como adestrador. Hoxe o Barça é o que é grazas a el.

Hai semanas que non deberían asomar nos calendarios.

Te puede interesar