Opinión

Nacer pobre, ser pobre

Moitas veces os xornais publican noticias que son moi sinxelas de interpretar. O outro día lin unha sobre a pobreza: "Oito de cada dez nenos pobres tamén o serán cando cheguen a adultos". Moi sinxela! Porque o que nace pobre é pobre toda a vida. É pobre xa por natureza. É pobre porque non ten onde caerse morto. Eu non é que sexa moi pobre, pero levo toda a vida intentando facerme rico... e non hai maneira! E mira que traballo. E mira que ando de aquí para alá. E mira que busco, e que pido. e que choro, pero nada. Tan só me queda poñerme na rúa do Paseo e pedir esmola. Sei que nin así. Xa sei que algúns estarán pensando que "neste país, como non roubes...". Mirade que temos malos pensamentos. Eu, aínda que o pense (que non o penso, por Deus!), non sei cómo roubar. Así é que non me queda outra que seguir a estatística da noticia: que son deses oito de cada dez. Porque nacín pobre (seino ben) e serei toda a miña vida pobre (tamén o sei). Reconfórtame que son rico de espírito.

Te puede interesar