Opinión

Nas esperas

Botáronme fóra. Do lugar no que estaba. A solución era fácil: saír, marchar. Foi o que fixen. Pero, primeiro, collín o caderno. Porque sabía que estaría un tempo fóra e un non pode perder o tempo. Nas esperas sempre fago dúas cousas: escribir ou ler. Porque a terceira cousa ódioa: aburrirme. Así é que, mentres tomo o café, escribo. Porque saín a tomar café, claro. Cando saio, sexa de onde sexa ou sexa a onde sexa, case sempre o fago para tomar café e escribir ou para ler.

Ás veces é certo que contemplo os biosbardos, poucas, ou que asubío para matar o tempo, cada vez menos. O paso da idade vaime quitando gustos, afeccións, pasatempos, etcétera. É verdade, agora asoman outros entretementos, coma o uso dos móbiles, e aínda que me considero con eles moi torpe, moi mamalón (como só funciono con un dedo, nos erros xa lle boto a culpa ó “dedo romo”), voulle dando: ó feisbuq, ó Marca, ó guasap, ó espotifai e ó trivial. O mellor é o trivial, que me gusta para exercitar a memoria e porque sempre fun un fanático dos xogos ou tests culturais.

Creo que o tempo de estar fóra xa se está cumprindo. Que remedio; como estou rematando o relato, non hai máis que facer (o café xa hai tempo que baixou pola gorxa) e haberá que volver. Se aínda non me deixan entrar no lugar no que estaba, e como deixei o libro dentro, non me quedará outra que botar man do trivial. Unha boa opción. Non me aburro e sempre aprendo algo.

Te puede interesar