Opinión

Esta néboa sentimental

Xa se pode dicir que estamos en plena celebración das festas de Nadal. Estas son unhas festas das que presumimos un pouco de certo sentimentalismo e moita bondade. Cara á galería, por suposto. A realidade amósanos o de sempre, o de todos os días. Como que as denuncias por violencia machista na nosa comunidade creceron un 14% no terceiro trimestre deste ano. É dicir, que en vez de diminuír, aumentan. Algo falla. Si, o mal é de quen o comete; pero as administracións tampouco axudan moito que digamos.

A violencia machista aumenta, como aumentan as execucións públicas en Irán e tan só coa intención de aterrorizar ós disidentes. Moito coidadiño, ó ler a frase, con esbardallar tan só contra o réxime irano (que si merece iso e máis) cando nós, non hai moito, enchemos as cunetas con “disidentes republicanos e do que cadrase”. Ante isto, hai certas situacións nas que a política internacional tiña que tomar cartas no asunto e non deixar que algúns países discriminen e asasinen a esgalla, a carradas.

Tamén é certo; quen confía na política? Moi pouquiños. A proba é que nunha enquisa que se realizou non hai moito, os españois ven ós políticos coma o sector máis corrupto. E ben sabedes aquilo de que cando o río soa, auga leva. Xa está dito todo.

Non pensedes que tal corrupción se debe tan só ó noso país (que, por certo, hai moita, demasiada); aí está o xa chamado Qatargate, que, se se investiga a fondo, seguro que acaba fundindo á propia Unión Europea. E isto tan só co que sabemos. Sinceramente, e aínda que se fundise por completo a Unión Europea, gustaríame saber todas as corruptelas que se levaron a cabo pola celebración do xa rematado Mundial de Fútbol no país qatarí.

O sentimentalismo do ser humano nestas datas tan “entrañables” é como esa néboa que asoma no horizonte, que, si, moi bonita paisaxe, pero que non deixa ver máis alá desa estampa ficticia. Esa néboa sentimental tapa a realidade dura, bruta e manchada de xenreira. A postal que amosamos do Nadal é exactamente igual a eses alumeados das cidades, que están precisamente estes días tan en voga; moi brillante, moi iluminado o centro, pero no alfoz, nos arrabaldes axiña nos atopamos coa “escura realidade”.

Te puede interesar