Opinión

Nin bandeiras nin fronteiras

Púxenme a andar ó ritmo dunha marcha militar americana. A verdade é que estes americanos sempre presumiron de patriotas. E si o son. Moito. Son tan patriotas que ata se escarallan entre eles. Participan practicamente en todas as contendas e masacres; propias e estrañas, ou sexa, de fóra. Despois esa bandeira deles e a biblia da súa conciencia. Ízana a un mastro e aí está e aí queda á súa maior gloria. Hai patriotismos que son o credo das súas accións, dos seus actos. E cando o fanatismo asoma, despois pasa o que pasa.

Menos mal que eu nunca fun partidario de fronteira e, moito menos, de bandeiras. Ó mellor é polo que me gusta tanto o cosmos, o universo. Aí imaxino unha liberdade e unha expansión infinita. Deica o infinito e máis alá. Debe ser marabilloso percorrer a eternidade sen batallar e sen lle dar contas a ninguén.

Cando rematou o ritmo da marcha militar americana, xa levaba percorrido medio camiño. A outra parte completeina a base de darlle patadas ás belotas soñando que eran soldadiños de chumbo que estaban a traspasar e conquistar fronteiras. Logo de rematar cos soldadiños busquei alieníxenas para darlles a man e navegar xuntos por ese universo sen fin. Que demo, se se quere, a vida é bonita. Eu intento recoller as bandeiras para dobralas e gardalas en algún caixón deses mobles abandonados nos faiados, a onde case nunca subimos e que, co tempo, todo se esquece. Nin bandeiras nin fronteiras. Verdade que é unha ilusión bonita?

Te puede interesar