Opinión

Non acaba de enganchar

As plantas", a ópera prima do cineasta chileno Roberto Doveris, é unha cinta protagonizada pola cantante arxentina Violeta Castillo nunha historia urbana rodada en Santiago de Chile que intenta atraer pola súa orixinal concepción e habilidade no guión para retratar distintas viaxes iniciáticas e incluso experimentais da xuventude actual chileña, pero non creo que o público considere minimamente verosímil a historia.

O filme preséntanos a Florencia, unha rapaza de 17 anos cuxa vida familia esborrallouse porque a súa nai está internada nun hospital e o seu irmán quedou en estado vexetal tras un grave accidente, polo que debe coidalo ela soa na casa. Lonxe de virse abaixo por ese penoso panorama, a rapaza empeza a ler un cómic chamado "As plantas" e a explorar a súa curiosidade sexual.


O filme intenta representar a mirada heterosexual feminina, entendendo o corpo masculino como obxecto de desexo cando a protagonista quere saber e experimentar o que é a sensualidade e o erotismo, explorando os límites como faría calquera adolescente. Ese xogo erótico pode chegar a ser perigoso.


A longametraxe tómase o seu tempo para desenvolver as accións e para mostrar o mundo e o sentir da rapaza protagonista, nun ton tranquilo e con esa marca do cine de festivais. Demasiado tranquilo. Demasiado tempo. Ás veces chegan escenas que cansan por esa lentitude e porque non nos din nada. Quizais "As plantas" gustaría máis se o seu autor profundara na relación que a protagonista establece coa historieta para axudarse a enfrontar o durísimo presente familiar e para empezar a transitar a inexorable idade adulta. Tal como asoma na pantalla, "As plantas" non acaba de enganchar.

Te puede interesar