Opinión

É o que é, pero non é o mesmo

Hai un tempiño (aínda que dá igual un día coma outro, pois estas noticias, por desgraza, adoitan acontecer cada pouco), digo que hai un tempo lin a nova de que a un home lle metían seis meses de prisión porque roubara un xamón e cinco queixos. A ver, se buscamos nun dicionario a palabra ladrón, a súa definición entendémola que é para todo o mundo. Ladrón é aquel que rouba un euro coma o que rouba millóns. Iso é o que é. Pero todos sabemos e entendemos que non é o mesmo. E non polo feito do seu significado, senón polo causante e pola cantidade do botín.

Ese home irá a prisión porque é un pobre infeliz que arramplou co que non debía. Mentres que Bárcenas, algúns políticos (perdón, moitos) e case se pode dicir que un longo etcétera non irán a prisión (e se por un casual xa foron ou van, axiña volven poñer os pés na rúa porque, hai que dicilo unha vez máis, a xustiza non é igual para todos), e a pesar de arramplar con todas as explotacións de porcos e ovellas (poñamos que os queixos eran de ovella) e coas carteiras de todos os cidadáns de a pé. Iso é o que é, pero non é o mesmo.

Te puede interesar