Opinión

Non pasará a historia

Convén dicilo de entrada, para evitar erros: coas súas concesións ós modos contemporáneos do cine de acción e o seu gusto pola hipérbole e a desmesura, as súas situacións improbables e os seus viláns de opereta, “Hollywood: departamento de homicidios” (2003) non pasará á historia do xénero criminal, ó que se afilia a pesar de que a súa aparencia non deixa de ser a dunha comedia de situacións cómicas, unha de poli veterano e mozo principiante como hai mil, desde “Arma letal” ata “Dous policías rebeldes”, por poñer só dous exemplos. Dos que, por certo, non se afasta moito no que fai ó que antes se chamaba o “procedemento”, a máis ou menos minuciosa narración da materia criminal propiamente dita que a película afronta.

O que fai que a película poida ser mirada doutra maneira, e que incluso se extraia dela un inopinado beneficio cómico está noutra parte: na insólita capacidade que ten o guión, escrito polo propio director Ron Shelton e por Robert Souza, de tomarlle o pelo ó seu principal gancho, que non é outro que Harrison Ford. E a habilidade deste para encaixar con toda elegancia a tunda de sopapos que caen sen cesar sobre o seu máis aquilatado arquetipo cinematográfico, o heroe dunha peza aínda que un chisco irónico; o sedutor irresistible, a pesar do paso inexorable dos anos, das décadas, en realidade.

Ou dito doutra maneira, que o que menos importa nun filme coma este é qué fan os seus protagonistas pola restauración da orde, e o que máis, quén son e cómo se comportan as súas criaturas. De aí sae a comicidade: do feito de que Ford sexa non só un eficaz policía, senón de que se dedique, nos seus ratos libres, pero ás veces desgraciadamente tamén durante o desempeño das súas funcións, á venta inmobiliaria; e de que o seu acompañante (un Josh Hartnett que xamais lle perde a cara ó seu experimentado compañeiro) teña non xa o seu canónico emprego como axente da orde, senón tamén ínfulas de actor, e que se dedique a dar clases privadas de meditación a mulleres máis ou menos ricas e atractivas..., o que se di dous verdadeiros pluriempregados.

Te puede interesar