Opinión

Non sei que busco

Busco de aquí e atopo por alá. A vida non nos leva sempre por regos dereitos. De cando en vez un latexo non soa e collemos medo. Busco a Duke Ellington e asoma nos meus arquivos Coleman Hawkins. É igual; os dous xuntos soan divinamente. Busco andoriñas voando por entre as rúas de Baños de Molgas e, non obstante, sinto as rulas aniñando nas silveiras das Lagoas. Non todo ten que saír coma embude a boca de xerro, é dicir, a pedir de boca. Ás veces ata é bo que un río non vaia desembocar ó mar. Algúns ríos desembocan noutros ríos. Algúns verbos non conxugan como nos gustaría que o fixeran. A vida é torta. A vida é bonita. A vida é o ruído onde hai silencio, así como é o silencio onde hai barullo. Tamén é moi diferente a voz de Leonard Cohen se a comparamos coa música de Luar na Lubre. Busco de aquí e atopo por alá. O problema está en que non sei que busco e de aí que acumule obxectos na carretilla que empurro pola rúa da Igrexa arriba. Empeza a pesar. Pero tamén pesan os desexos que nunca se cumpren. Ou os pensamentos que non se berran. Deberiamos de berrar desde o alto da Chaira para que as andoriñas e as ruliñas emprenderan o voo cara ó infinito e máis alá. Pero quedo en silencio para que Amaral cargue o universo sobre min. Deixo de buscar e sento coma un heroe nun penedo de Barricobos. En silencio.

Te puede interesar