Opinión

Noticia con só dúas lecturas

Madrugo expresamente para poder ler os xornais á primeira hora. Porque me gusta informarme das cousas canto antes. Non tanto dos asuntos políticos, porque estes axiña cansan, e hoxe en día aínda máis; senón para atoparme con novas máis achegadas a un ou máis simpáticas. O outro día lin unha que, por extravagante, estrafalaria, era divertida. A un home craváronlle 200 euros de multa porque adiantou co seu coche a un can sen gardar a distancia regulamentaria de 1,5 metros. A un can que andaba solto. Esta noticia tan só ten dúas lecturas. A primeira lectura é: esperpento. A segunda lectura é: sen comentarios. Ter ten para moitos comentarios, a cal mellor. Pero é preferible deixalo aí e admirar de verdade ó condutor por coller a sanción con humor, xa que seica vai enmarcar a comunicación da multa. É para enmarcar! Polo menos o motivo. Creo que só por esta nova me compensa o madrugar un chisco máis do debido e gozar así da sabedoría do noso queridísimo e paisano don Ramón María del Valle Inclán cando lanzou aquela sentenza mítica de que somos un país esperpéntico.

Te puede interesar