Opinión

Nunca fun escrupuloso

Éverdade que os pés os teño algo mollados, e a cazadora moito máis. Pero valeu a pena. No maleteiro do coche está a resgardo unha cesta de cogomelos, de boletos. Ricos eles. Noviños, que así están máis sans. Espero que non teñan bichos, pois como teñan algún, a miña muller axiña os mira e remira e practicamente non aproveita nada. “Pero muller, todo o que non mata engorda”, dígolle en broma, pero cun fondo algo certo. A ver, algún bichiño, ó fritilo, xa nin é bicho nin é nada. Ou como lle digo a ela: non comen acaso de todo os do programa ese “Aventura en pelotas”. Pois entón! Nunca fun moi escrupuloso. Tamén é verdade que o asunto é non ver ese “ingrediente”. Ollos que non ven, estómago que non se revolve.

Creo que non son escrupuloso porque de rapaz non podía selo. De rapaz comía o pan con algo de balor e o caldo, ás veces, acedo. O do pan case era normal. Lembro que cociamos oito pans para oito días (quen enfornaba todos os días tal como estaba o asunto da leña?; non a había), polo que hai que imaxinar como estaría o oitavo pan: coma un penedo ás veces (de aí que en algunha ocasión cheguei a mollalo en auga para poder meterlle o dente) ou con mofo. E sobre o caldo, se por un casual se derramaba (xeralmente pola calor) non ías tirar unha pota case enteira. Porque o caldo facíase en potas grandes para que durase días. Facelo leva o seu tempo, case ou sen case unha mañá enteira, e naquelas épocas o tempo si era ouro.

Te puede interesar