Opinión

O andar

Cando cansei de escribir no ordenador, erguín da cadeira de madeira na que estaba sentado e recordo que botei primeiro o pé esquerdo e que puxen, case ó momento, a andar ó pé dereito. Foi aí cando caín na conta de que sabía andar. Non é broma. Ás veces non é tan fácil andar. E non me meto no de non saber andar pola vida, que isto si que xa é moito máis complicado. Falo simplemente de saber dar pasos. Por veces incluso formo unha pequena guerra no meu interior porque, xa ó principio, non sei se iniciar os pasos co pé esquerdo ou co pé dereito. Recoñezo que algunhas veces sálvame o das ideas políticas; que como non son das dereitas (tampouco vou de morte coas esquerdas, vale?), procuro empezar o andar coa perna zurda.

Iniciado xa o trámite da andaina, dáseme por pensar nos mecanismos que nos impulsan a mover as pernas ou os pés. Que nervio manda a quen. Que idea ordena. Que pensamento impulsa. Por que non andamos patas arriba; ou sexa, “facendo o pino”? Estas cavilacións entretéñenme abondo, ata que volvo caer na conta de que lle imprimín velocidade ó andar. Por que ando tan ás presas? Cal foi o nervio, ou o músculo, ou a acción, ou o recurso que lle imprimiu velocidade ó meu andar? As dúbidas empezan a furgarme nas entrañas. Aínda que isto semelle unha parvada, non é tal. Non é tan fácil dicir que andamos por andar, porque temos que andar e punto. E no momento en que non sei xa por que motivo me botei a correr durante uns metros, aí xa me puxen tan nervioso que optei por desconectar e poñer toda a atención na música que penetraba polos auriculares.

Te puede interesar