Opinión

O bicho, un aliado?

Tremen os corazóns polo medo de pillar o covid-19. Pero non tremelican as conciencias ante o perigo de pillar o coronavirus. Temos moito medo, pero á hora da verdade non nos preocupamos de tomar as medidas correspondentes para que os contaxios non se apoderen de nós. E isto empeza a estar de capa caída. Creo que nun chiscar de ollo pode incluso pasar de castaño escuro. Relaxámonos de tal maneira que a segunda quenda da pandemia xa volve ser dona e señora da nosa existencia. É máis, creo que se hoxe non volvemos estar confinados é grazas ó mes de agosto, con todo o que implica este mes.

Seguimos a andar cos mascariñas debaixo do papo ou colgadas dos cóbados. Seguimos a xuntarnos unha morea de xente para darnos abrazos e bicos, ou beber e berrar para que o cuspe saia con máis forza e chegue máis lonxe. Algúns disimulamos chocando os cóbados ou os puños, pero claro, se andas sen o bozo é coma se nada. Outros non temos paciencia e acudimos ós bares, cafés e cafetarías coma se aínda estivésemos no verán de 2019, coma se xa pasase todo. Pero non pasou. Vai a peor. Ata eu mesmo creo que vou a optar por pecharme de novo e saír tan só o imprescindible. Por min e pola familia. O medo é libre. E o asunto non está para bromas. Claro que, a min, funcionándome a biblioteca, xa está, xa me podo confinar ata secula seculorum. Se vos digo a verdade, téñolle máis medo ó confinamento da biblioteca que ó propio bicho.

Tal bicho é o causante de que os alcaldes do rural empecen a confiar nunha recuperación da poboación. Seica durante a pandemia os veciños aumentaron considerablemente. Aínda que, eu penso que isto débese máis ó período de vacacións que á propia pandemia. Haberá que esperar a finais de setembro a ver que pasa. Non obstante, ben certo é que o paisano de a pé non é parvo e sabe que nas aldeas, nas vilas pequenas existe unha maior opción de non vivir tan abafados, con tanto medo; e como declarou o alcalde de Maceda neste mesmo xornal: “co teletraballo, o rural pode ofrecer unha maior calidade de vida”. Co teletraballo e cunhas mellores comunicacións, digo eu. No rural venceriamos o estrés cun sacho e un fouciño; quedarían as fincas limpas e non habería tanto incendio. Ante isto, ata o coronavirus sería un aliado.

Te puede interesar