Opinión

O buraco negro

Descubriuse un buraco negro a 55 millóns de anos luz da Terra. É dicir, á carreiriña dun can. Ou sexa, a un tiro de pedra. Agora porque xa non traballo a viña, que se o fixera, en catro ou cinco anos percorría eu esa distancia. E gustaríame, vaia se me gustaría! O de chegar ó buraco negro, non o de volver percorrer a viña con paseos e máis paseos sulfatándoa ou arándoa ou cavándoa ou diversos traballos máis. Chegar ó buraco negro en silencio (porque alí ten que haber un silencio impoñente, fantástico, melancólico, morriñeiro) debe ser o máximo para un astronauta. De todos é sabido que quero ser astronauta. Claro que, dentro do buraco negro, que? Se é negro non se pode ver nada. Non creo que a esas alturas nin nesas distancias existan vagalumes ou vermes luceiros que che ensinen o espazo, ou o infinito. Tampouco teño moi a favor meterme no buraco negro. Chegar alí si, pero meterme xa son palabras maiores. Todo o que é negro... A morte é negra. E a esta canalla non a quere ninguén. Certo, non mesturemos o allo co bugallo ou o cu coas calzas; non ten nada que ver a morte co buraco negro. En principio, eu quero ir ó buraco negro. Alá polo 2030. Tamén pode ser que sexa no 2032. Ó mellor paro polo camiño. Por aí ten que haber moita cousa para ver.

Te puede interesar