Opinión

O heroe cómodo

Contemplo a inocencia dun pardal mentres penso que este xoves si resplandece máis có sol. Pero non é Xoves Santo. É un día máis de encerro que levo coma sempre: lendo, durmindo, comendo, escribindo, escoitando música e, pola noite, algunha película caerá. Escoito o canto dun grilo e soño coas noitiñas de cando andaba coas vacas no monte de Pinouzos. Deixo correr os pensamentos polas augas mansas do río Arnoia, pero o meu corpo senta ante a pasarela que cruza ás Mestras. Tarde de silencio nun compás de espera. A rula aniña na matogueira dos meus soños. Quen me ía dicir que miraría de esguello os catro puntos cardinais. Non sei, imaxino que sería tan só para saber a dirección que tomar. Son cu de mal asento. E non aguanto cinco minutos sentado. Así é que ergo e sigo río abaixo, ou sexa, cara ó oeste. Ó chegar ó muíño imaxino que sigo ata a ponte das Cepas, pero non vou. Simplemente non me apetece. Bastantes veces fun ó muíño do Dositeo como para volver se non teño ganas. Ás veces non son o heroe ese que anda pola vida arranxando os agravios ou as aldraxes. Por veces son o heroe cómodo que deita sobre a nugalla dunha acción ou dun acto ou dun feito ou dunha obra. A verdade: moitas veces non sei quen son. Pero chégame con ser aquel que contempla a rula e vendo como esta olla para min. Volvo ó punto de partida, é dicir, o de que o sol segue a alumar e a que xa rematei con outra das facetas diarias: a de escribir. Agora tocar tomarlle un cafeciño e poñerme a ler, que para iso é o día do libro.

Te puede interesar