Opinión

O heroe eterno

Non sei se as xeracións de agora coñecerán moito de Errol Flynn, pero ninguén que o vira na pantalla se quedará satisfeito con calquera outro Robin Hood, espadachín ou pirata en toda a historia do cine. El foi o heroe por excelencia, para defender damas en perigo, namorar princesas ou facer realidade as máis románticas proezas.

Errol Leslie Flynn naceu en Tasmania o 20 de xuño de 1909. A súa vida foi tan axitada como os argumentos das súas películas. Entre 1926 e 1933 percorreu medio mundo e realizou todo tipo de traballos, dende cazador de safaris ata mariñeiro e pesando por pescador de perlas, buscador de ouro e diamantes.

En 1933 debuta en Australia como actor nun filme moi modesto. En Londres estuda arte dramática e participa nunha película inglesa. Axiña se traslada a Hollywood e, logo de aparecer en dúas películas de segunda fila, convértese ó momento nunha estrela ó interpretar ó capitán Blood en O capitán Blood (1935), de Michael Curtiz. Ó ano seguinte, ou sexa, en 1936, a súa fama xa se reforzaría con A carga da brigada lixeira, o primeiro dos seus numerosos tándems protagonistas con Olivia de Haviland. Flynn tamén fixo as súas probas na comedia, pero non tardou en volver ás películas de acción con Robín dos bosques (1938).

Traballou en grandes westerns, como Dodge, cidade sen lei (1939), Ouro, amor e sangue (1940), Camiño de Santa Fe (1940) ou Morreron coas botas postas (1942), onde interpretou a un heroico xeral Custer.

O falcón do mar (1940) foi unha gran película de piratas con todos os mellores ingredientes do xénero, e Gentleman Jim unha pequena obra mestra da comedia no mundo do boxeo de principios do século XX. Despois aínda tivo algunha película máis de éxito antes de que o seu alcoholismo caera totalmente fóra de control, polo que incluso acabou a súa carreira cinematográfica interpretando a alcohólicos.

Morreu o 14 de outubro de 1959 en Vancouver, Canadá. Aínda que só contaba 50 anos, tiña o aspecto de 70. Foi un dos casos máis patéticos da desintegración hollywoodiense. Non obstante, sempre será o heroe eterno, cheo de gallardía e atractivo.

Te puede interesar