Opinión

O home que berra

O home deita entre as herbas do río Vello e berra ata que rebenta. Berra un desexo que o mata e un silencio que o atormenta. Deixa caer lágrimas de orballo e quere cruzar a fronteira portuguesa ou emigrar para o outro lado do planeta. Cospe celos que atravesan por entre as carballeiras dunha novela sen capítulo final. O home arrinca nas herbas coma latexos que esgazan o seu corazón e deixa que os seus xeonllos afirmen un reclamo a un ser poderoso que mira para outro lado. O home berra, arrabuña, gatea, arrástrase, xeme, berra outra vez, sofre, sangra, berra unha vez máis. E queda en silencio. Chorando. Xemendo. Sufrindo. Súa pingas de sangue que axiña chegan ó río de Tioira para desembocar no Arnoia. O home ergue e corre para Barricobos. Alí dá coa cabeza contra os penedos e a pedra escama recordos que puideron ser pero que non son. Que nunca serán. Sobe ó alto da Chaira e berra, berra ata esgazar o tempo, ata esgallar o pensamento. Berra pola esperanza que está tan lonxe que ás veces a sente perdida. Pero ninguén é quen de fundirlle os soños. Antes fará rebentar o mundo en toda a súa extensión. O home nunca perderá a esperanza e será o reserva no xogo dos partidos que poidan quedar a medias. Sempre hai algún partido que non remata nunca  e aí ten as súas opcións, defenderá as súas esperanzas. O home déixase caer polas barroncas de Barricobos e berra polas feridas da pel que se fai entre verso e verso. Hai poemas que berran a angustia dun momento.

Te puede interesar