Opinión

O mago do suspense

Na primeira metade dos anos cincuenta, don Alfred Hitchcock, acada algúns filmes moi importantes, como “Estraños nun tren” (1951) e “A ventá indiscreta” (1954) (Nesta lembro que me impresionara a elegancia e fermosura de Grace Kelly).

Non obstante, é nos anos que van de 1957 a 1964 cando a capacidade creativa de Hitchcock se desenvolve con máis intensidade, pois dirixe seis películas seguidas, nas que se compromete ata o fondo de si mesmo, como home e como artista. Son oito anos de denso traballo e sen respiro, nos que desafiando, retando ó público, á crítica e a él mesmo consegue facer nada menos que “Falso culpable” (1957), “Vertixe” (1958), “Coa morte nos talóns” (1959), “Psicose” (1960), “Os paxaros” (1963) e “Marnie, a ladroa” (1964).

Se Hitchcock conseguiu ser un auténtico director-estrela, atraendo ó público máis que os seus propios actores, debeuse a que nunca deixou de estudar e experimentar con problemas coma os mecanismos de identificación, os puntos de vista narrativos e, en xeral, a arte de provocar, dosificar e canalizar as emocións dos espectadores.

Utilizou o suspense por varios camiños. Por unha beira, en intrigas de acción, labirínticas, humorísticas e desconcertantes, variacións en torno ó tema do perseguidor-perseguido, creando situacións perigosas, caóticas e inestables, coma se no corazón da vida cotiá escondera unha bomba de reloxaría e dera o sinal de alarma para localizala con urxencia. Por outra parte, en relatos de carácter máis introvertido, trasladando a súa atención e a dos espectadores desde as intrigas labirínticas do mundo exterior a outro mundo non menos desconcertante e acaso máis misterioso: o da mente e o corazón humanos.

Alfred Hitchcock soubo facer compatibles a eficacia, a broma e a fascinación de cara ó espectador, coa satisfacción dunhas necesidades creativas estreitamente relacionadas co seu mundo interior, particularmente complexo e conflitivo. Vendeulle ó mundo a súa mestría como mago do suspense. E realmente foi o gran mago cinematográfico que nos facía tremer nas salas de cine incluso cando, ás veces, non pasaba nada. Aí estaba o detalle, que nos facía crer que pasaría algo. Un auténtico xenio.

Te puede interesar