Opinión

O mellor galán

De cando en vez, sentado na escuridade dun cine, o espectador que segue os movementos dun actor na pantalla atopa de pronto neles o rastro deixado por Cary Grant. Dicir que foi o rei da comedia sería quedarse curto. Foi tamén o mellor dos galáns maduros. E o actor perfecto para as películas de suspense, dotado coma ninguén para a interpretación de personaxes inquedos. Non se asemellaba a ninguén, excepto a si mesmo, pero moitos intentaron parecerse a el.

Ninguén sabe de onde sacou o seu acento, entre a elegancia e a vulgaridade, cuxos orixes, algúns, o sitúan no medio do Atlántico. Nin onde aprendeu a actuar de forma que non puidera dicirse nunca que estaba actuando. Construíu un personaxe, ese cabaleiro humorístico de modais irreprochables, nin demasiado mozo nin demasiado vello, e mantívose unido a el durante corenta anos, nos que interpretou setenta e dúas películas sen que semellara que movera un músculo. Non era certo. O que pasa é que Cary Grant era un mestre da interpretación.

Nacera en Bristol, Inglaterra, en 1904 e ós 13 anos entrou a traballar nun teatro como axudante de iluminación. Máis tarde alá se as apañou para aparentar maior idade da que tiña e aceptárono no elenco dunha compañía de cómicos, coa que chegou a Nova York en 1929. Actuou en toda clase de espectáculos de variedades, adquiriu certo prestixio en Broadway e en 1931 largou para Hollywood.

Sempre se dixo que foi Mae West a que o descubriu, pero non é verdade. Cando en 1933 caeu nas mans da West na película “Lady Lou. Nacida para pecar” (1933), xa traballara en oito películas.

En 1938 aclamárono coma o rei da comedia a resultas dun experimento ideado por George Cukor tres anos antes. Este foi o primeiro en xuntar a Cary Grant con Katharine Hepburn, unha das súas actrices favoritas. Foi en “A gran aventura de Silvia”, rodada en 1935. A química funcionou en “Vivir para gozar” (1938) e converteuse nunha bomba en “A fera da miña nena”, dirixida por Howard Hawks, na que sería “vítima” da Hepburn. Hawks convertería de novo a Grant en vítima dunha femia dominadora en “Lúa nova” (1940), da que falarei o próximo venres.

Te puede interesar