Opinión

O pombo coxo

Cando cansei de escribir no ordenador e de recoller todos os apuntes que tiña espallados pola mesa da cociña, optei por dar un paseo pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres. Axiña me atopei cunha estampa que me deu algo de pena. Á altura da pasarela das Mestras vin entre dous amieiros que algo se movía entre as altas herbas que arrodeaban as dúas árbores. Achegueime con tento, amodiño, non fose o demo que andase por alí unha serpe desas ás que non lle teño medo, pero si respecto e bastante de arrepío. Pero o que vin foi un pombo que ás primeiras de cambio lle notei que estaba coxo. Non obstante, fixo todos os intentos posibles por escapar da miña presenza.

Non me apurei a botarme a el. Pouco a pouco funme achegando e falándolle. Por se aquel. Ó mellor entendíame. Cando estiven á súa altura tampouco fixen ningún intento de me agachar para collelo. Seguín a observalo e a soltar un pequeno sermón. Coma quen que non pasaba nada. El movíase e movíase ata que chegou o momento que cansou. Tumbouse todo e xuro por Deus que me mirou. Eu, por se aquel tamén, sorrinlle. Ó mellor entendía que era un amigo. Probei: agacheime con parsimonia, apoiei os brazos sobre os xeonllos e seguín dálle que dálle á lingua. Cada vez estaba máis convencido de que me entendía. Acariñeille a cabeza. Deixouse. Vinlle unha patiña rota. Non sei como fixen (non son veterinario nin nada polo estilo), pero arranxeilla. E non vai o tío, digo o pombo, e me dá un beizo. Co seu bico. Alí estiven con el ata que, nunha hora ou así, conseguiu emprender o voo. Díxenlle adeus de palabra e acenándolle coa man. Por se me seguía entendendo.

Te puede interesar