Opinión

O pote da Calda

Apolítica no noso país empezou a andar. Con polémica, pero empezou. A política do noso país é coma aquel pote da calda que se cocía para acomodar ós renchos, ós porcos. Entre uns que lle atizan e outros que o remexen, o pote ferve que ferve, e a calda, os ingredientes, ou sexa, nós, saímos escaldados. Coma sempre. Porque sempre seremos nós, a caldada, os que caiamos na pía ou no barcal dos seus cortellos. Sempre seremos nós os que alimentemos a non sei cantas vicepresidencias e unha morea de ministros.

Sigo collendo ó pote como guía para completar este Recuncho. Segundo no pote se mesturan verzas, patacas, nabos, remolachas e demais, mesturarei aquí algunhas novas que, máis o menos, me chamaron a atención durante a semana que pasou. E sen saír da política direi que o Consello do Poder Xudicial pídelle a Pablo Iglesias “moderación e mesura” nas súas críticas. E prudencia, claro. Está a xustiza no noso país como para pedirlle, principalmente, mesura. Con quen ten mesura ela? Se practicamente non hai un acto seu que non sexa criticable. A xustiza no noso país sempre se puxo do lado de quen se puxo, que non é precisamente do homiño normal e corrente.

Menos mal que aínda nos vai quedando a xustiza da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios), que acaba de denunciar a unha tenda de Bilbao porque seica cobra 15 euros por probar un traxe de noivos. Hai algúns que lle botan unha cara... Dentro de nada hai que empezar a vestirse a ollo. Para un servidor, iso entra na ilegalidade máis absoluta.

Tampouco é de xustiza que dean mitins, conferencias, parolas, entrevistas para defender ó rural, cando eses mesmos politiquiños pechan centros de saúde, estacións de ferrocarril ou colexios. Non é de estrañar entón que case unha ducia de concellos non teñan ofertas de aloxamento, de hospedaxe (nin tan sequera para unha noite) para o turismo que queremos que nos visite. Quen se atreve a montar un hotel nunha vila que, ó mellor, nin chega ós cincocentos habitantes; nunha vila que non podes sacar un billete de tren porque non hai despacho dos mesmos; ou nunha vila que, aínda que teña hospital, non podes parir. Dicía Eduardo Galeano que “a xustiza é como as serpes, só morde ós que están descalzos”. Quen están descalzos?...

Te puede interesar