Opinión

O produtor

Ahistoria do cine español da segunda metade do século XX, e máis concretamente despois da transición, non se pode entender sen o cineasta Elías Querejeta. Este non era un produtor calquera, era “o produtor”. Era o artista e creador que lle infundía ás súas películas unha mirada comprometida, coas que conseguía, a maiores de buscar o entretemento, aportar reflexións moi interesantes. Seica era metódico e teimudo no deseño da idea, na escritura do guión, na elección do director e do equipo técnico, ata na propia montaxe. Seguía a película de principio a fin.

Traballar con Elías Querejeta era pensar que os soños eran posibles, que se podían facer cousas transcendentes e interesantes, non importaba o que houbese arredor, o que custase, se a temática era ou non comercial. Para el o importante era a película.

O cine español xamais sería o mesmo sen ese señor cano, paroleiro, cariñoso e sarcástico coma poucos. Todo nel desprendía personalidade, sedución e estilo. Ós directores deixáballes liberdade absoluta cando empezaban a filmar. “Facer unha película ten que ser un acto de liberdade, porque en cada película deixamos parte da nosa vida”, confesaba sempre. E tamén era un mestre no momento de vender ese produto, pois loitaba polas súas películas ata a extenuación ante os medios de comunicación e movía as películas internacionalmente utilizando o seu prestixio de gran produtor europeo ó servizo dun cine con ambicións artísticas e intelectuais.

Como tamén me gusta o fútbol, direi que Elías Querejeta foi xogador da Real Sociedade nos anos 50 e que en canto podía sempre contaba o seu famoso gol ó Real Madrid en Atocha o 9 de outubro de 1955: Ata Di Stéfano me felicitou no centro do campo cun “Vaia gol, pibe”.

Querejeta produciu películas de xente moi grande; desde Carlos Saura ata Montxo Armendáriz, pasando por Jaime Chávarri e Manuel Gutiérrez Aragón, por Víctor Erice e pola súa propia filla Gracia Querejeta, entre outros. Nomear as películas que xerou sería o conto de nunca acabar; aínda que, para min, con que apoiase “Tasio” xa me chega. Unha das películas máis bonitas que vin nunca.

Te puede interesar