Opinión

O tren

Collo o tren con destino ó conto de nunca acabar, aquel no que a néboa non deixa ver máis alá dun simple soño. Non se detén en ningunha estación, nin tan sequera na que abrolla unha poesía chea de sentimentos. Asento no segundo vagón e escoito o troupeleo das rodas para afirmar que o tren me leva polos raís da vida en suspensión. Máis adiante non sei que atoparei. Quero pensar que me encontrarei cunha ilusión que está moito máis alá dun desexo ou cun asubío que me marque o ritmo dunha nostalxia. Quizais dea de fociños co verso que perdín naquela adolescencia; de cando soñar era bonito. O tren segue vía adiante para penetrar nun túnel escuro e con medo de chocar contra unha parede de cristal na que se reflicte a alma morriñenta dun consolo.

Eu, eu mesmo teño medo de que no meu reflexo non saiba quen son. Ás veces é moi difícil saber se estou flotando ou se teño os pés sobre a terra. Aínda que mellor é flotar que afundir. Tan só se afunden aquelas esperanzas nas que non se cre. Menos mal que eu... eu nunca perderei a esperanza. O tren empeza a frear no último capítulo do conto de nunca acabar, para deterse definitivamente na estación de Baños de Molgas, ese lugar no que máis de media vida se deita sobre as liñas escritas dunha novela que aínda non chegou á súa fin. Baixo do tren e espero a que alguén lle dea orde de partir. O asubío do convoi conmóveme o corazón e unha bágoa de pesadume quere asomar nesta noite pecha. Pero trago fel e deixo que o tren siga o seu destino. 

Te puede interesar