Opinión

Obscenidade ou arte?

Óremate do verán de 1972, cando volvía do Festival de Venecia, onde presentara “Irmá de verán” (1972), Nagisa Oshima pasou por París. No vestíbulo dunha pequena sala de proxección, Anatole Dauman (produtor francés) propúxolle rodar unha coprodución porno, deixándolle o campo completamente libre. En xuño de 1975, dous distribuidores do cine independente xaponés no estranxeiro, volveron de Cannes e animaron a Oshima para que rodara inmediatamente unha porno, contándolle como os mozos cineastas europeos actuaban persoalmente en escenas sexuais.

A preocupación de Oshima polos temas sociais é unha constante non só do seu primeiro cine, senón tamén dos seus filmes comerciais, como “O imperio dos sentidos” (1976), baseada nun incidente real acaecido nos anos trinta, cando se atopou a unha muller de Tokio vagando polas rúas co pene do seu amante, cortado, entre as mans. Semella que o home morrera literalmente de amor e que se deixara estrangular e mutilar na éxtase do pracer.

No xullo de 1976, a policía secuestrou nos domicilios dun editor e de Oshima o libro “O imperio dos sentidos”, no que se publicaba o guión do filme acompañado de fotos da rodaxe. Acusáronos de obscenidade e leváronos ós tribunais. No decembro do 1979, tras dous anos longos de proceso, declaráronos inocentes. Non obstante, a película só se proxectou en Xapón nunha copia adulterada, pois a prohibición de amosar os órganos sexuais nas pantallas xaponesas obrigou a manipular case un terzo da cinta.

Aparte de anécdotas intranscendentes, o suceso máis relevante foi precisamente o proceso e, máis concretamente, a autodefensa de Oshima ante o tribunal. Rexeitou se a película era unha obra de arte ou unha obscenidade e alegou que nos países “avanzados” ou “liberais” a viran sen problema ningún, mesmo case cen mil turistas xaponeses que visitaban París, e, entón, se a vían con liberdade alí, por que non no Xapón? Aseguraba que a obscenidade só existe na mente dos fiscais e os policías que a reprimen, que a liberación dos homes non se impón desde arriba.

A verdade é que a película de Oshima fixo renxer as máis asentadas opinións. Tachada de obscena por uns e cualificada de obra mestra por outros, creou unha polémica que aínda segue.

Te puede interesar