Opinión

Odio pintar!

Pintor, que pintas con amor. Con amor? Odio pintar a casa! Sempre o odiei. E non polo mero feito de pintar (total só é darlle co rolete para arriba e para abaixo, máis ou menos), senón polo que hai que facer antes. Polos obxectos que hai que retirar. Polos mobles que hai que mover. Polas lámpadas que hai que quitar ou tapar. Polos malditos marcos das portas. Polos estúpidos enchufes ou caixas da luz. Polos fatos zócalos. Polo traizoeiro chan. Porque neste pos periódicos e plásticos; que se moven, que se escorren, que se embeleñan, que se enmarañan. Odio pintar a casa! Que te pos coma un divino cristo. Que despois fregas e fregas a pel ata poñerse vermella e nada; sempre quedan pingas, marcas de pintura nela. Menos mal que só foi o corredor e a cociña. Que se chego a pintar toda a casa, prometo que me acordo a conciencia do autor que compuxo o de “pintor, que pintas con amor”. Non obstante, cando un dos rapaces botou a cabeza fóra da habitación, eu, para disimular, como non, solteille aquilo de... “pintor, que pintas con amor”. Tan axiña como cerrou de novo a porta, eu seguín dálle que dálle a un traballo monótono, aburrido, desesperante e coa paciencia á flor de pel. Porque por detrás andaba a “parenta” coa súa ladaíña: que se alí queda un “lamparón”, que se naquel recanto non lle deches, que ten conta que non pingues moito, que zumba e dálle. Odio pintar!

Te puede interesar