Opinión

Os oscar no fantástico

O señor dos aneis: o retorno do rei” foi en toda a historia dos Oscar o primeiro filme de temática fantástica que acada o galardón á mellor película. O certo é que en escasas ocasións o cine fantástico logrou figurar entre as candidaturas consideradas importantes, a excepción feita das que premian aspectos técnicos como maquillaxe ou efectos especiais. Famosos títulos do xénero que foron nomeados e que quedaron sen estatuíña foron “2001: unha odisea do espazo”, de Stanley Kubrick (que foi candidato ó mellor director), “A guerra das galaxias”, de George Lucas (mellor película e director), “Encontros na terceira fase”, de Steven Spielberg (mellor director) ou “O sexto sentido”, de M. Night Shyamalan (mellor película e director). Os actores non o tiveron moito mellor: coa excepción de Freric March, ganador do Oscar ó mellor actor por “O home e o monstro”, intérpretes candidatos por filmes de terror ou de ciencia ficción que se quedaron ás portas do premio serían Sigourney Weaver (por “Aliens”) ou Haley Joel Osment e Toni Collette (actor e actriz secundaria pola citada “O sexto sentido”). E mellor non falar dos clásicos do xénero que nunca foron nomeados, porque a lista sería interminable.

Robert Mitchum e Deborah Kerr fixéronse moi amigos durante a rodaxe en Tobago de “Só Deus o sabe” (1957), un filme de John Huston que narra as aventuras dun marine dos Estados Unidos e unha monxa nunha illa do Pacífico durante a segunda guerra mundial. Na escena na que Deborah Kerr debía remar nun bote perseguindo unha tartaruga, seguida a nado de preto por Mitchum, Huston non paraba de berrarlle á actriz: “Máis rápido”, Rema máis rápìdo!”. A actriz, abafada pola calor da súa roupa de monxa, esforzouse ó máximo, ata que á fin se escorreu o remo e berrou: “Cona” Paréceche o suficientemente rápido así?”. Ver a Kerr vestida de monxa e maldicindo desa maneira provocou tal ataque de risa a Robert Mitchum na auga que a piques estivo de afogarse.

Te puede interesar