Opinión

Outeiro a outeiro

Saín coa intención de tomar un café e saín coas mans baleiras. Si, sabía que me faltaba o caderno. Por unha vez non me apetecía escribir nada. Non quería escribir nada. Pero en cada paso que daba, a dúbida rabuñaba xa nas asaduras. E que fago mentres tomo o café? Se non escribo, tomo o café e volvo ó momento. Nada, nin dous minutos. Tres tragos xustos de café non dan nin para dous minutos. E saín tamén para, a maiores do café, tomar un pouco o aire, non estar todo o tempo pechado.

Non dei máis pasos. Volvín sobre os que xa dera. Collín o caderno e volta a saír. Algo sairá, digo eu. Se por un casual non escribo, a conciencia queda tranquila. Malo será que algo non saia. Xa teño dito moitas veces que todo é cuestión de poñerse. Antes de min xa o dixera Cela: todo é cuestión de fincar os cóbados e traballar. El referíase máis a inspiración que ás ansias ou non de escribir.

Detrás dunha palabra chega outra, e xuntas forman frases. Certo que hai que saber compaxinalas. Facemos o que podemos. Algúns só facemos vulto, pero... Pero vulto a vulto, outeiro a outeiro facemos unha montaña. Poida que pobre, pero montaña. Que carallo, eu mesmo quérolle máis ós outeiros de Sudalomba que a toda a serra de San Mamede, por moita serra que sexa e por moi bonita que é. Malo será que non saia algo. Xa saíu. Xa podo volver. Marcho, que teño que marchar.

Te puede interesar