Opinión

Desde a pasarela do Muíño

Quenta pero non abrasa. Non obstante, Valeriano Prebe detense no medio da pasarela para contemplar a presa do Muíño. A auga do Arnoia baixa con forza e o ruído, en vez de molestar, achega os recordos de cando Valeriano ía buscar o porrón de auga á fonte. A esta só acostumaba a ir nas mallas ou cando non se podía coller na fonte da Lameira, polo motivo que fose. Valeriano, o fillo de Xacobo, O Quiosqueiro (ninguén sabe que este tivera un quiosco, pero nas aldeas, xa se sabe...), e de Obdulia (aínda que todos lle chamaban Odulia, para abreviar), A Laverca, digo que Valeriano, na súa infancia, ía sempre buscar auga para beber á Lameira porque lle quedaba máis cerca. Pero cando eran as mallas do centeo, e como esta se realizaba na aira do Tormentas, quedaba máis á man a fonte do Muíño. Na época das mallas, Valeriano era aínda un cativo, polo que, ó non axudar moito que digamos, non lle quedaba outra que “facer os recados”. Un deles era o de ter contenta á xente cortándolles a sede. A auga do Muíño era fresca e conservábase fresca naqueles porróns de barro polos que daba gusto beber. Cando xa o corpo lle valeu para facer outros traballos máis físicos, tan só se achegaba ata a fonte moi de tarde en tarde. O fillo do Quiosqueiro contempla agora o propio muíño, que está xusto enfronte da fonte, e os recordos aquí minguan porque a este case non ían coas saquetas de millo e centeo. A familia do Quiosqueiro tiraba máis para o muíño do Zenón, moi cerquiña da Ponte das Cepas. Quenta pero non abrasa. Non obstante, Valeriano raña a cabeza en sinal de que o molesta o sol e cruza a pasarela cara ós Tallós.

Te puede interesar