Opinión

Película do montón

Os tempos están cambiando. Hai uns anos sería inimaxinable que unha produción de Hollywood presentara como protagonista a unha muller policía con tendencia a beber máis da conta e a levar á cama a máis descoñecidos dos necesarios sen que, posteriormente, fora sentenciada a unha morte segura ou ó cárcere por culpa da súa libertinaxe e, sobre todo, da autocensura dos guións, que non podían permitir que semellante muller saíse ilesa do envite. Un papel típico do policiaco e do cine negro, pero ata agora descrito no corpo dun home, case sempre moi atractivo, ó que beberse uns centos de whiskys e ir de rapaza en rapaza non lle supuña senón un mérito máis para convertelo no máis duro do barrio. Ata aquí a única novidade de “Xiro inesperado” (2004) e un dos poucos méritos destacables dunha película polo demais do montón, das de asasino en serie con falso culpable de por medio.

Quen mellor que Ashley Judd para interpretar este papel? Preciosa muller e boa actriz, habitualmente en produción por debaixo da súa valía, Judd xa ten experiencia en personaxes de aparente fortaleza externa e inquietante desequilibrio interno. Xunto a ela, o elenco de intérpretes complétase cunha nómina de eficaces actores dos que non adoitan fallar, caso de Samuel L. Jackson, David Strathairn ou Andy García, que recorta terreo a Denzel Washington na súa carreira por ver quen é capaz de interpretar a máis policías.

O director Philip Kaufman (“Henry e June”, “Quills”, entre outras), quen non é ningún principiante con ganas de asombrar con modernidades, dálle á realización un agradecido toque clásico, pero a escritura da debutante Sarah Thorp (tras o exposto, non parece casual que o guión sexa obra dunha muller) contén máis trampas das debidas. Ademais, se obviamos a novidade feminina no tratamento do protagonista, a historia está máis vista que o cómic, polo que “Xiro inesperado” esquécese dunha forma tan fácil como seguramente se ve.

Te puede interesar