Opinión

Pendurado dunha galla

Penduro da galla dun carballo e non sei que facer. Por un lado, gustaríame deixarme caer. Por outro, querería saber canto podo aguantar pendurado. Adianto que eu son un home de moito aguante. Por certo, aguanto máis de cabeza, de pensamento que de físico, de realidade. Se opto pola opción de quedar pendurado imaxino que pensarei nos biosbardos, porque outros pensamentos, que raio, non se poden contar nesas condicións nas que me atopo. Se decido deixarme caer... ufff, téñolle medo ás consecuencias. Xa que altura é boa, pero non esaxerada, polo que podería ferirme gravemente e non ir máis alá. O ir máis alá, pois é iso, o ir máis alá. Que hoxe por hoxe tampouco quero. Sería renegar da miña afirmación e do meu desexo de chegar ós 123 anos. Se me deixo caer os golpes irían de galla en galla e amortecerían moito a caída; de aí o das lesións graves.

Sinceramente, empezo a angustiarme. Case é mellor que asente os pés na galla da beira e que vaian as dúbidas ou o experimento a tomar vento fresco. Nos biosbardos podo pensar igual coa pés apoiados; e a vida... a vida é moi bonita como para andar xogando con ela. Dito e feito, póla a póla baixo amodiño do carballo e pensando, por exemplo, no verme luceiro da aurora ou no ruxerruxe das augas do río Arnoia. E xa cos pés en terra firme, ou sexa, no chan digo que ás veces dunha simple decisión facemos todo un mundo, ou unha revolución. Co bonito que é seguir o impulso dos soños.

Te puede interesar