Opinión

Pionero do western

Poida que hoxe moi poucos saiban quen foi Thomas H. Ince, pero xunto co vaqueiro William S. Hart, podemos dicir que foi un dos pioneiros do western americano. Nacera en Newport en 1882 e morrería en Hollywood en 1924, vai xa para 100 anos.

Thomas Harper Ince, fillo de actores, converteuse tamén en actor ó rematar os seus estudos secundarios. A súa carreira, durante a década de 1910, será moi frutífera, tanto en calidade como en cantidade, pois quéirase que non  participou en máis de 700 títulos. As súas achegas teñen moito que ver coa sólida construción dramática dos seus produtos (por exemplo, en “A ira dos Deuses”, 1914) e co ton realista que lles imprime (“Typhoon”, 1914). Lembrar que as películas tiñan naquel tempo unha duración dun rolo, é dicir, como moito 15 minutos, e, por razóns de competitividade industrial, Thomas H. Ince intenta ofrecer unha maior cantidade de acción e espectáculo no interior dese rolo que a proposta por outros produtores e realizadores, de maneira que se un rolo tiña entón de 20 a 25 escenas, a súa primeira película, “Little Nells Tobacco” (1910), tivo 53.

Isto levouno necesariamente á busca dunha condensación narrativa que lle fixera posible tales desenvolvementos sen mingua da claridade expositiva do tema, claridade que tamén tivo que buscar perseguindo a caracterización de personaxes e situacións mediante detalles tan elocuentes como precisos e significativos, de maneira que as súas películas empezaron a alcanzar unha concisión expresiva que convertería ó seu autor en mestre de realizadores e punto de partida dunha tradición cinematográfica norteamericana que postularía un deseño de personaxes a partir dos seus actos e características externas.

Tras a súa chegada ó cine do Oeste, Ince resolveu que as historias que se propuña narrar debían desenvolverse nun marco xeográfico e costumista que as nutría, sen desdeñar interiores naturais ou construíndo decorados elementais que restituíran a pobreza e rugosidade da súa fonte de inspiración.

A partir de 1912 delegou a realización das súas películas en xente de confianza, pero, iso si, controlando el practicamente todo o resultado final do traballo. Grazas a iso, pódese dicir que creou unha escola de intérpretes e directores.

Te puede interesar