Opinión

Poeta e actor

O historiador Lee Server publicou unha biografía de Robert Mitchum que non ten desperdicio. Nela percorre, coma nunha novela, a historia deste melancólico, retranqueiro, descrido e cínico individuo, a maiores de aventureiro, poeta e marabilloso actor. 

Unha auténtica lenda de Hollywood. Interpretou unhas 120 películas, algunhas das cales forman parte do mellor do cine universal.

Míster Mitchum, que opina de Marilyn Monroe e de Sarah Miles?”. “Que queres que che diga, que unha era máis alta cá outra”. “Que é ser actor?”. “Un oficio que se exerce desde as nove da mañá ata as seis da tarde, onde che pagan os venres e dinche cómo moverte e qué dicir. Non esquezan que o can Rin Tin Tin foi toda unha estrela”. “Cales son os seus rexistros interpretativos?”. “Teño dous: con cabalo e sen cabalo”.

Unha vez no festival de San Sebastián preguntáronlle pola diferenza entre el e outros actores. “Que estiveron menos tempo no cárcere ca min”. Semella que o detiveron en 37 ocasións, unhas por violento e outras polo seu coñecido consumo de marihuana. El mesmo cultivaba e coidaba a planta co esmero dun namorado, ata o punto de facerlle fotos que levaba na carteira en lugar dos retratos dos seus fillos. Foi un home peculiar, independente, sen pelos na lingua, tal como desvela a súa biografía “Esquéceme, cariño”. En certa ocasión non tivo reparos en replicarlle a un director: “Os teus diálogos son tan malos que hai que cuspilos coma se sacaras algo de entre os dentes”.

Robert Charles Durman Mitchum nacera en Connecticut o 6 de agosto de 1917. Ata os 25 anos dedicouse a vagabundear por todo o país nos vagóns do ferrocarril. Un axente de talentos, amigo da súa irmá, convenceuno de converterse en actor e empezou a actuar en papeis que reflectían case a súa realidade: papeis curtos de rufiáns. Logo, pouco a pouco, encadrouse en papeis de cine negro con personaxes inexpresivos, lacónicos e rebeldes; pero realmente participou en todos os xéneros. As súas mellores actuacións están en Encrucillada de odios, O cabo do terror, O gran roubo e A noite do cazador, onde era malo de verdade.

Te puede interesar